25 N: combatendo a violencia contra as mulleres desde a educación (I)

Ademais dos xa referidos obradoiros dirixidos ao alumnado de 1º e de 4º da ESO, o noso Departamento de Orientación coordinou en colaboración co CIM de Caldas de Reis dúas actividades lúdicas e con vontade de remexer conciencias ante a violencia machista. O alumnado de 3º da ESO asistiu o xoves 24 de novembro, no Auditorio Municipal, á representación da obra #2pilgrims, de Redrum Teatro. Ao día seguinte e no mesmo escenario, a compañía Serea Teatro representou para o alumnado de 2º de Bacharelato a súa obra Sen lingua.

N.E.V.E.R.M.O.R.E.

O pasado 10 de novembro puidemos levar o noso alumnado de 1º de Bacharelato a unha obra de teatro no Auditorio de Galicia en Compostela que ía máis alá da propia representación. Supuxo comezar a remexer na memoria colectiva para ver que quedara  daquela traxedia ambiental e posterior crise social e política que se derivara do afundimento do buque petroleiro Prestige fronte á costa galega en novembro de 2002. Ademais, ás mozas e aos mozos do Aquis contóullelo, en formato de teatro documental, unha das compañías referenciais non só dentro de Galicia senón tamén fóra das nosas fronteiras: Chévere.

O resultado foi moi gratificante. Alumnado e profesorado saíron da sala coa convicción de ter asistido a unha obra innovadora no seu formato e estimulante para seguir coñecendo uns feitos que para a xente nova, na maior parte dos casos, era unha vaga referencia do pasado. Quedou posta a primeira pedra para o posterior traballo docente nas aulas nas diversas materias.