AstrónomAs

Este luns 30 de xaneiro remata a exposición AstrónomAs no Aquis Celenis; unha mostra que chegou ao noso centro por iniciativa do profesorado do Club de Ciencia e grazas á colaboración do Observatorio Astronómico R. M. Aller, da Universidade de Santiago de Compostela.

Desde o pasado día 17, toda a comunidade educativa do Aquis puido achegarse a esta exposición que fai visible as achegas de moitas investigadoras que procuraron botar luz nos misterios da Astronomía.

A través de dezaseis paneis ofrécese gran variedade de contidos e elementos interactivos que mostran o protagonismo que tiveron e teñen as mulleres nesta disciplina.

Especialmente motivador para o alumnado foi o xogo interactivo de busca de pistas ao que o se accede a través de códigos QR.

25 N: combatendo a violencia contra as mulleres desde a educación (II)

O Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller conmemorouse este 25 de novembro no Aquis Celenis con dúas accións que se sumaron a todo o comentado xa en anteriores entradas. 

Por unha banda, sumámonos á proposta dun minuto de silencio, ás 12:00 do venres 25, do Observatorio Galego da Violencia de Xénero. Fixémolo diante da entrada do instituto e visibilizamos, vestindo de negro, o noso rexeitamento a todo tipo de violencia contra as mulleres. Neste sinxelo acto lemos tamén o poema “Perségueme a historia…” de Luz Airado Bello.

Ademais, ao longo de toda a mañá, desenvolveuse no centro unha acción artístico-reivindicativa coordinada polo departamento de Música. Un total de 9 alumnos/as de 1º Bacharelato, repartidos en grupos de tres, pasaron polas aulas do instituto para recitar, con acompañamento musical,  o poema “O xiz” de Andrea Fernández Maneiro. A acción remataba coa lectura dun manifesto elaborado por parte do alumnado que integra o Grupo de Igualdade.

25 N: combatendo a violencia contra as mulleres desde a educación (I)

Ademais dos xa referidos obradoiros dirixidos ao alumnado de 1º e de 4º da ESO, o noso Departamento de Orientación coordinou en colaboración co CIM de Caldas de Reis dúas actividades lúdicas e con vontade de remexer conciencias ante a violencia machista. O alumnado de 3º da ESO asistiu o xoves 24 de novembro, no Auditorio Municipal, á representación da obra #2pilgrims, de Redrum Teatro. Ao día seguinte e no mesmo escenario, a compañía Serea Teatro representou para o alumnado de 2º de Bacharelato a súa obra Sen lingua.

Teatro para visibilizar as mulleres científicas

O departamento de Físca e Química organizou unha saída o martes 25 de outubro co alumnado de 4º ESO B (que ten todo a materia de Física e Química) e co de 2º Bacharelato que cursa a materia de Física.  Tratábase dunha proposta de teatro científico, Recordando a Lise Meitner, con posterior coloquio, que tivo lugar no Auditorio Abanca de Compostela. É de xustiza situar no lugar que lles corresponde a Lise Meitner e a outras mulleres imprescindibles na investigación científica que quedaron ocultas tras figuras masculinas e que capitalizaron en exclusiva o recoñecemento dun traballo compartido.

Traballando en igualdade

Desde a semana pasada están en marcha no instituto varios obradoiros coordinados polo departamento de Orientación coas titorías de 1º e de 4º da ESO. Son actividades froito da colaboración co Centro de Información á Muller do Concello de Caldas que foi quen nolas ofertou. Seguimos pois participando en accións que buscan espallar valores de igualdade e respecto e que sirvan para combater a través da reflexión e do coñecemento o machismo presente na sociedade.

No caso de 1º da ESO serán catro sesións e levan por título Quérote, quérome. Para 4º da ESO escolleuse traballar en dúas sesións nas se procura nos mozos a reflexión sobre novos xeitos de entender a masculinidade e nas mozas traballar conceptos como empoderamento, diversidade sexual…