Milla solidaria e pola lingua

Dentro das actividades do programa de dinamización da lingua 21 Días co galego e +, este pasado luns 30 de xaneiro o alumnado da ESO do Aquis Celenis participou nesta iniciativa conxunta co Afonso VII. A actividade física como hábito saudable, a solidariedade coa veciñanza menos favorecida e a mensaxe de apoio e de confianza no futuro do noso idioma confluíron de xeito complementario na realización desta actividade.

Ao día seguinte, o martes 31, unha representación do alumnado do Aquis fixo entrega aos Servizos Sociais do Concello de Caldas de Reis dos produtos non perecedoiros recollidos como inscrición voluntaria e simbólica na Milla.

Grazas a toda a comunidade educativa do Aquis Celenis pola súa colaboración.

Reactívase a Escola de familias

Logo duns anos de pandemia nos que houbo que parar moitas dinámicas xa creadas, este curso no Aquis tratamos de ir activando algunhas propostas que cremos fundamentais para a nosa comunidade educativa. É o caso da Escola de familias que, coordinada desde o Departamento de Orientación, achegou unha primeira xornada formativa sobre como acompañar aos fillos e ás fillas no bo uso das novas tecnoloxías.

A relatora foi Jeniffer Herbón, psicóloga xurídico-forense, especialista en mediación. É ademais creadora e formadora de ConVive+.

Previamente, Jennifer desenvolvera tamén unha sesión divulgativa, para o alumnado de 1º da ESO, sobre as oportunidades e os riscos que ofrecen as novas tecnoloxías.

25 N: combatendo a violencia contra as mulleres desde a educación (II)

O Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller conmemorouse este 25 de novembro no Aquis Celenis con dúas accións que se sumaron a todo o comentado xa en anteriores entradas. 

Por unha banda, sumámonos á proposta dun minuto de silencio, ás 12:00 do venres 25, do Observatorio Galego da Violencia de Xénero. Fixémolo diante da entrada do instituto e visibilizamos, vestindo de negro, o noso rexeitamento a todo tipo de violencia contra as mulleres. Neste sinxelo acto lemos tamén o poema “Perségueme a historia…” de Luz Airado Bello.

Ademais, ao longo de toda a mañá, desenvolveuse no centro unha acción artístico-reivindicativa coordinada polo departamento de Música. Un total de 9 alumnos/as de 1º Bacharelato, repartidos en grupos de tres, pasaron polas aulas do instituto para recitar, con acompañamento musical,  o poema “O xiz” de Andrea Fernández Maneiro. A acción remataba coa lectura dun manifesto elaborado por parte do alumnado que integra o Grupo de Igualdade.

Teatro para visibilizar as mulleres científicas

O departamento de Físca e Química organizou unha saída o martes 25 de outubro co alumnado de 4º ESO B (que ten todo a materia de Física e Química) e co de 2º Bacharelato que cursa a materia de Física.  Tratábase dunha proposta de teatro científico, Recordando a Lise Meitner, con posterior coloquio, que tivo lugar no Auditorio Abanca de Compostela. É de xustiza situar no lugar que lles corresponde a Lise Meitner e a outras mulleres imprescindibles na investigación científica que quedaron ocultas tras figuras masculinas e que capitalizaron en exclusiva o recoñecemento dun traballo compartido.

Traballando en igualdade

Desde a semana pasada están en marcha no instituto varios obradoiros coordinados polo departamento de Orientación coas titorías de 1º e de 4º da ESO. Son actividades froito da colaboración co Centro de Información á Muller do Concello de Caldas que foi quen nolas ofertou. Seguimos pois participando en accións que buscan espallar valores de igualdade e respecto e que sirvan para combater a través da reflexión e do coñecemento o machismo presente na sociedade.

No caso de 1º da ESO serán catro sesións e levan por título Quérote, quérome. Para 4º da ESO escolleuse traballar en dúas sesións nas se procura nos mozos a reflexión sobre novos xeitos de entender a masculinidade e nas mozas traballar conceptos como empoderamento, diversidade sexual…

Participación na Digitalweek

Desde o domingo 30 de outubro ata o sábado 5 de novembro, 24 alumnas e alumnos do Aquis Celenis participaron na Digitalweek 2022, un programa da Consellaría de Educación que ten como obxectivo principal proporcionarlle ao alumnado unha actividade de inmersión lingüística que lle permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo nesta lingua, a través de actividades dixitais.

Premio para o Proxecto Interdisciplinar do noso instituto: “As palabras no camiño II”

O traballo que desenvolveu gran parte do alumnado e profesorado o curso pasado: “Palabras no camiño II” recibiu un novo premio (xa recibira no pasado mes de xuño o premio de Innovación en Dinamización da Lingua). Nesta ocasión o premio foi por Proxectos coordinados desde a Biblioteca Escolar”. Neste traballo o alumnado elaborou vídeos sobre gastronomía, música, lingua, música, literatura, aula, fontes e outras xeneralidades do Camino Portugués a Santiago. Aos vídeos accédese por códigos QR, ademais de a outra información sobre o patrimonio cultural e paisaxístico. É a terceira vez que o centro resulta premiado no Concurso de Traballos por Proxectos da Biblioteca Escolar nas seas sete edicións. Así o reflictiu a prensa: