O Aquis Celenis, anfitrión nun intercambio do programa JAVACAL

Nesta semana que vén de rematar, acollemos no noso instituto a dous grupos de alumnado e profesorado cos que compartimos un programa do Ministerio de Educación para o Agrupamento de centros ao denominamos JAVACAL (Jaén, Valladolid, Caldas de Reis).

Na tarde do pasado mércores 19 de outubro recibímolos cun xantar no que se implicaron de maneira exemplar as familias de 4º da ESO. A partir dese momento comezou a forxarse un bo ambiente de interrelación entre a rapazada ao longo das actividades previstas: os xogos de presentación, o roteiro por Caldas guiado polo noso alumnado e a acción de concienciación ambiental na contorna da carballeira, cunha limpeza na que participaron os tres centros.

Na xornada do xoves 20, todo o alumnado participante (un centenar de rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO) puido coñecer o proceso de elaboración das conservas na fábrica de Dardo en Vilanova de Arousa e, a continuación, dar un paseo pola vila de Cambados. Cara ao final da mañá visitamos o Mosteiro da Armenteira e, despois de xantar, fixemos unha actividade de dinamización lingüística: o alumnado de Baños de la Encina e o de Valladolid pensaron lemas cunha mensaxe positiva e de apoio ao uso do galego por parte da mocidade de Caldas. O noso alumnado ocupouse de axudarlles a trasladar esas mensaxes á nosa lingua. Magnífica participación e necesaria mensaxe de apoio á diversidade cultural e lingüística.

Pola tarde, gozamos da zona histórica de Pontevedra e acabamos descubrindo onde se atopa e cal é a historia do “Tesouro de Caldas”.

En definitiva, ao longo do día e medio de convivencia dos tres centros, puidemos comprobar o efecto motivador do traballo colaborativo e interdisciplinar así como o enriquecemento persoal e educativo que provoca no alumnado e no profesorado.

bty