
No Aquis Celenis quixemos aproveitar este 20 aniversario do afundimento do Prestige para poñer en valor a solidariedade e a resposta social que xerou. Unha resposta social que naquela altura, no ámbito docente, estivo moi conectada ao noso centro e que cumpría que se coñecese e recoñecese.
O luns 14 de novembro inauguramos nos corredores do instituto unha exposición de Arte Postal ao redor do Prestige que supuxera hai xa case 20 anos un traballo inxente do profesorado do Aquis. Para explicar a orixe e sentido da exposición, así como outras iniciativas nas que tivo un papel relevante aquel profesorado (moi especialmente a cadea humana de estudantes na costa entre Laxe e Muxía), organizamos unha charla con tres daqueles protagonistas: Lois Gil, Puri Cabido e Pedro Lamas.
O alumnado presente (1º de Bacharelato) puido complementar a visión dos feitos que xa obtivera da representación teatral de Chévere e, á súa vez, converteuse en transmisor desa información a todos os grupos de alumnado do centro a través de breves exposicións orais que axudaban a contextualizar a produción artística que se mostraba nos corredores.
Diversos departamentos didácticos (Bioloxía, Xeografía e Historia, Plástica, Música Lingua…) aproveitaron estas actividades no seu traballo docente.
Ademais, ao longo dunha semana, proxectouse na cafetaría, nos tempos de recreo, unha montaxe audiovisual sobre o Prestige que compilou o departamento de Bioloxía.