Milla solidaria e pola lingua

Dentro das actividades do programa de dinamización da lingua 21 Días co galego e +, este pasado luns 30 de xaneiro o alumnado da ESO do Aquis Celenis participou nesta iniciativa conxunta co Afonso VII. A actividade física como hábito saudable, a solidariedade coa veciñanza menos favorecida e a mensaxe de apoio e de confianza no futuro do noso idioma confluíron de xeito complementario na realización desta actividade.

Ao día seguinte, o martes 31, unha representación do alumnado do Aquis fixo entrega aos Servizos Sociais do Concello de Caldas de Reis dos produtos non perecedoiros recollidos como inscrición voluntaria e simbólica na Milla.

Grazas a toda a comunidade educativa do Aquis Celenis pola súa colaboración.

Conferencia da catedrática María Victoria Otero Espinar

Novembro é o mes da Ciencia e desde hai xa máis dunha década o profesorado galego decidiu reivindicar tamén a ciencia na nosa lingua.

Nesta liña, este curso tivemos a honra de acoller no Aquis Celenis unha das conferencias científicas do Ciclo “Aida Fernández Ríos”, que promove a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias. Foi o pasado 17 de novembro e correu a cargo da catedrática Mª Victoria Otero Espinar que expuxo o seu relatorio “Tris-tras coas matemáticas xa o terás” a alumnado de Ciencias de 2º e de 1º Bach.

Comezo de curso, comezo doutra historia

O pasado 8 de setembro volveu o alumnado ás aulas do Aquis Celenis.

Ese primeiro día é moi especial para as rapazas e os rapaces que se incorporan ao noso centro e nesta ocasión quixemos facerlle un recibimento que lles mostrase a importancia que teñen para nós á hora de concibir a súa formación, ademais das actividades nas clases das diversas materias, as actividades complementarias (e extraescolares).

Logo das presentacións nas respectivas titorías, o alumnado de 1º da ESO e tamén o de 2º, asistiu a unha actividade de narración oral que tivo como protagonista a Celso Fernández Sanmartín. Ao longo de case unha hora, o contador das terras do Deza, soubo transmitirlle á rapazada o valor das conversas e engaiolalos con historias que nacen alá atrás no tempo e chegan a nós para seguir entreténdonos e ensinándonos.

dig
dav

A historia deste curso comezou a ser contada!