Coa vontade de achegarlle diferentes linguaxes e suscitar debates e reflexións desde as diversas materias, o alumnado de 2º de Bacharelato asistiu o pasado martes 29 de novembro, nos Cines Avenida de Caldas, á proxección da película As bestas.
Esta actividade serve para conectar a actualidade co proceso de aprendizaxe posto que o filme de Rodrigo Sorogoyen vai ser sen dúbida un dos acontecementos cinematográficos do ano.
O departamento de Físca e Química organizou unha saída o martes 25 de outubro co alumnado de 4º ESO B (que ten todo a materia de Física e Química) e co de 2º Bacharelato que cursa a materia de Física. Tratábase dunha proposta de teatro científico, Recordando a Lise Meitner, con posterior coloquio, que tivo lugar no Auditorio Abanca de Compostela. É de xustiza situar no lugar que lles corresponde a Lise Meitner e a outras mulleres imprescindibles na investigación científica que quedaron ocultas tras figuras masculinas e que capitalizaron en exclusiva o recoñecemento dun traballo compartido.
Lise e Otto Hahn no seu laboratorio de Berlín arredor de 1910. Crédito: Archives of the Max Planck Society.
O pasado 10 de novembro puidemos levar o noso alumnado de 1º de Bacharelato a unha obra de teatro no Auditorio de Galicia en Compostela que ía máis alá da propia representación. Supuxo comezar a remexer na memoria colectiva para ver que quedara daquela traxedia ambiental e posterior crise social e política que se derivara do afundimento do buque petroleiro Prestige fronte á costa galega en novembro de 2002. Ademais, ás mozas e aos mozos do Aquis contóullelo, en formato de teatro documental, unha das compañías referenciais non só dentro de Galicia senón tamén fóra das nosas fronteiras: Chévere.
O resultado foi moi gratificante. Alumnado e profesorado saíron da sala coa convicción de ter asistido a unha obra innovadora no seu formato e estimulante para seguir coñecendo uns feitos que para a xente nova, na maior parte dos casos, era unha vaga referencia do pasado. Quedou posta a primeira pedra para o posterior traballo docente nas aulas nas diversas materias.
Desde o domingo 30 de outubro ata o sábado 5 de novembro, 24 alumnas e alumnos do Aquis Celenis participaron na Digitalweek 2022, un programa da Consellaría de Educación que ten como obxectivo principal proporcionarlle ao alumnado unha actividade de inmersión lingüística que lle permita mellorar as súas destrezas de comprensión e expresión oral en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo nesta lingua, a través de actividades dixitais.
Nesta semana que vén de rematar, acollemos no noso instituto a dous grupos de alumnado e profesorado cos que compartimos un programa do Ministerio de Educación para o Agrupamento de centros ao denominamos JAVACAL (Jaén, Valladolid, Caldas de Reis).
Na tarde do pasado mércores 19 de outubro recibímolos cun xantar no que se implicaron de maneira exemplar as familias de 4º da ESO. A partir dese momento comezou a forxarse un bo ambiente de interrelación entre a rapazada ao longo das actividades previstas: os xogos de presentación, o roteiro por Caldas guiado polo noso alumnado e a acción de concienciación ambiental na contorna da carballeira, cunha limpeza na que participaron os tres centros.
Na xornada do xoves 20, todo o alumnado participante (un centenar de rapazas e rapaces de 3º e 4º da ESO) puido coñecer o proceso de elaboración das conservas na fábrica de Dardo en Vilanova de Arousa e, a continuación, dar un paseo pola vila de Cambados. Cara ao final da mañá visitamos o Mosteiro da Armenteira e, despois de xantar, fixemos unha actividade de dinamización lingüística: o alumnado de Baños de la Encina e o de Valladolid pensaron lemas cunha mensaxe positiva e de apoio ao uso do galego por parte da mocidade de Caldas. O noso alumnado ocupouse de axudarlles a trasladar esas mensaxes á nosa lingua. Magnífica participación e necesaria mensaxe de apoio á diversidade cultural e lingüística.
Pola tarde, gozamos da zona histórica de Pontevedra e acabamos descubrindo onde se atopa e cal é a historia do “Tesouro de Caldas”.
En definitiva, ao longo do día e medio de convivencia dos tres centros, puidemos comprobar o efecto motivador do traballo colaborativo e interdisciplinar así como o enriquecemento persoal e educativo que provoca no alumnado e no profesorado.
Escaneando este código poderedes facer a visita virtual que o alumnado do IES Bûry Al-Hamma nos preparou con ocasión da visita encadrada no intercambio do proxecto Agrupamientos do MEC.
O pobo é ben bonito, cun castelo impresionante e moi ben conservado.