Charla sobre Teledetección

Este pasado venres 20 de xaneiro tivo lugar no noso instituto unha charla sobre “Teledetección” a cargo de Verónica Santalla del Río, profesora titular do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo. Foi organizada polos departamentos de Física e Tecnoloxía, como actividade do grupo de divulgación A ciencia nas súas mans, e ía dirixida ao alumnado de 2º de Bacharelato das materias de Física e Tecnoloxía Industrial II.

Saúde mental: loitar contra o estigma

Coa coordinación do departamento de Orientación, o luns 12 de decembro presentáronse nas aulas de 1º ESO A e B as pezas divulgativas creadas no marco do proxecto “Un intruso no meu cerebro”, ideado pola Asociación Lar Pro Saúde Mental en colaboración coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, e dirixido á loita contra o estigma das enfermidades mentais na mocidade de entre 11 e 13 anos. Trátase dunha Campaña de Sensibilización sobre a saúde mental no ámbito infanto-xuvenil a través de diversas pezas divulgativas (cómic, curta de animación, GIF, adhesivos e pasatempos), deseñadas dende unha perspectiva lúdica, dinámica e divertida.

Derivado da anterior actividade, comezamos o ano parabenizando ao noso alumnado de 1º da ESO pola súa meritoria participación no concurso do citado proxecto e no que resultaron premiadas con cadanseu terceiro premio as alumnas Carla Pérez Montero e Lara Piñeiro Garabán.

Memoria do Prestige: 20 aniversario

No Aquis Celenis quixemos aproveitar este 20 aniversario do afundimento do Prestige para poñer en valor a solidariedade e a resposta social que xerou. Unha resposta social que naquela altura, no ámbito docente, estivo moi conectada ao noso centro e que cumpría que se coñecese e recoñecese.

O luns 14 de novembro inauguramos nos corredores do instituto unha exposición de Arte Postal ao redor do Prestige que supuxera hai xa case 20 anos un traballo inxente do profesorado do Aquis. Para explicar a orixe e sentido da exposición, así como outras iniciativas nas que tivo un papel relevante aquel profesorado (moi especialmente a cadea humana de estudantes na costa entre Laxe e Muxía), organizamos unha charla con  tres daqueles protagonistas: Lois Gil, Puri Cabido e Pedro Lamas.

O alumnado presente (1º de Bacharelato) puido complementar a visión dos feitos que xa obtivera da representación teatral de Chévere e, á súa vez, converteuse en transmisor desa información a todos os grupos de alumnado do centro a través de breves exposicións orais que axudaban a contextualizar a produción artística que se mostraba nos corredores.

Diversos departamentos didácticos (Bioloxía, Xeografía e Historia, Plástica, Música Lingua…) aproveitaron estas actividades no seu traballo docente.

Ademais, ao longo dunha semana, proxectouse na cafetaría, nos tempos de recreo, unha montaxe audiovisual sobre o Prestige que compilou o departamento de Bioloxía.

Outro ano regueifando

Lupe Blanco explicando as orixes da regueifa

Neste mes de novembro volveu a regueifa ao centro. Un ano máis e aproveitando o programa que pon en marcha a Deputación de Pontevedra e a Asociación ORAL, quixemos que o noso alumnado de 1º da ESO experimentase coa palabra rimada e improvisada. En dúas sesións que estiveron dirixidas por dúas grandes figuras regueifeiras, Lupe Blanco e Josiño da Teixeira, a rapazada máis nova do noso centro comprobou como a tradición oral nos conecta con moitas outras culturas no mundo e ademais é unha ferramenta de aprendizaxe e de diversión.

Traballando en igualdade

Desde a semana pasada están en marcha no instituto varios obradoiros coordinados polo departamento de Orientación coas titorías de 1º e de 4º da ESO. Son actividades froito da colaboración co Centro de Información á Muller do Concello de Caldas que foi quen nolas ofertou. Seguimos pois participando en accións que buscan espallar valores de igualdade e respecto e que sirvan para combater a través da reflexión e do coñecemento o machismo presente na sociedade.

No caso de 1º da ESO serán catro sesións e levan por título Quérote, quérome. Para 4º da ESO escolleuse traballar en dúas sesións nas se procura nos mozos a reflexión sobre novos xeitos de entender a masculinidade e nas mozas traballar conceptos como empoderamento, diversidade sexual…