Milla solidaria e pola lingua

Dentro das actividades do programa de dinamización da lingua 21 Días co galego e +, este pasado luns 30 de xaneiro o alumnado da ESO do Aquis Celenis participou nesta iniciativa conxunta co Afonso VII. A actividade física como hábito saudable, a solidariedade coa veciñanza menos favorecida e a mensaxe de apoio e de confianza no futuro do noso idioma confluíron de xeito complementario na realización desta actividade.

Ao día seguinte, o martes 31, unha representación do alumnado do Aquis fixo entrega aos Servizos Sociais do Concello de Caldas de Reis dos produtos non perecedoiros recollidos como inscrición voluntaria e simbólica na Milla.

Grazas a toda a comunidade educativa do Aquis Celenis pola súa colaboración.

25 N: combatendo a violencia contra as mulleres desde a educación (II)

O Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller conmemorouse este 25 de novembro no Aquis Celenis con dúas accións que se sumaron a todo o comentado xa en anteriores entradas. 

Por unha banda, sumámonos á proposta dun minuto de silencio, ás 12:00 do venres 25, do Observatorio Galego da Violencia de Xénero. Fixémolo diante da entrada do instituto e visibilizamos, vestindo de negro, o noso rexeitamento a todo tipo de violencia contra as mulleres. Neste sinxelo acto lemos tamén o poema “Perségueme a historia…” de Luz Airado Bello.

Ademais, ao longo de toda a mañá, desenvolveuse no centro unha acción artístico-reivindicativa coordinada polo departamento de Música. Un total de 9 alumnos/as de 1º Bacharelato, repartidos en grupos de tres, pasaron polas aulas do instituto para recitar, con acompañamento musical,  o poema “O xiz” de Andrea Fernández Maneiro. A acción remataba coa lectura dun manifesto elaborado por parte do alumnado que integra o Grupo de Igualdade.

1º Premio para Sergio Monteagudo e 1º Premio para Adriana Caldas e Lidia Landín no concurso de relato oral “Tíralle da Lingua”

O noso centro gañou hoxe, 28 de novembro, o 1º premio no XVIII Concurso de realto oral “Tíralle da Lingua” en 2 categorías diferentes, 1º Premio para Sergio Monteagudo de 2º ESO (categoría 1º Ciclo de ESO) e 1º Premio para Lidia Landín e Adriana Caldas de 1º Bach (na categoría de 4º ESO e ensino postobrigatorio). No certame participaban máis de 30 centros de toda Galicia. Tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, ante centenares de alumnos e alumnas asistentes. O concurso organizado pola AS-PG (Asociación socio-pedagóxica Galega) e a Deputación da Coruña é de gran prestixio na comunidade educativa. Os alumnos/as premiados/as recibiron un premio de 250 € por cada categoría, esa mesma cantidade tamén foi recibida polo noso centro. Parabéns!!!