Milla solidaria e pola lingua

Dentro das actividades do programa de dinamización da lingua 21 Días co galego e +, este pasado luns 30 de xaneiro o alumnado da ESO do Aquis Celenis participou nesta iniciativa conxunta co Afonso VII. A actividade física como hábito saudable, a solidariedade coa veciñanza menos favorecida e a mensaxe de apoio e de confianza no futuro do noso idioma confluíron de xeito complementario na realización desta actividade.

Ao día seguinte, o martes 31, unha representación do alumnado do Aquis fixo entrega aos Servizos Sociais do Concello de Caldas de Reis dos produtos non perecedoiros recollidos como inscrición voluntaria e simbólica na Milla.

Grazas a toda a comunidade educativa do Aquis Celenis pola súa colaboración.

AstrónomAs

Este luns 30 de xaneiro remata a exposición AstrónomAs no Aquis Celenis; unha mostra que chegou ao noso centro por iniciativa do profesorado do Club de Ciencia e grazas á colaboración do Observatorio Astronómico R. M. Aller, da Universidade de Santiago de Compostela.

Desde o pasado día 17, toda a comunidade educativa do Aquis puido achegarse a esta exposición que fai visible as achegas de moitas investigadoras que procuraron botar luz nos misterios da Astronomía.

A través de dezaseis paneis ofrécese gran variedade de contidos e elementos interactivos que mostran o protagonismo que tiveron e teñen as mulleres nesta disciplina.

Especialmente motivador para o alumnado foi o xogo interactivo de busca de pistas ao que o se accede a través de códigos QR.

Charla sobre Teledetección

Este pasado venres 20 de xaneiro tivo lugar no noso instituto unha charla sobre “Teledetección” a cargo de Verónica Santalla del Río, profesora titular do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo. Foi organizada polos departamentos de Física e Tecnoloxía, como actividade do grupo de divulgación A ciencia nas súas mans, e ía dirixida ao alumnado de 2º de Bacharelato das materias de Física e Tecnoloxía Industrial II.

Saúde mental: loitar contra o estigma

Coa coordinación do departamento de Orientación, o luns 12 de decembro presentáronse nas aulas de 1º ESO A e B as pezas divulgativas creadas no marco do proxecto “Un intruso no meu cerebro”, ideado pola Asociación Lar Pro Saúde Mental en colaboración coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, e dirixido á loita contra o estigma das enfermidades mentais na mocidade de entre 11 e 13 anos. Trátase dunha Campaña de Sensibilización sobre a saúde mental no ámbito infanto-xuvenil a través de diversas pezas divulgativas (cómic, curta de animación, GIF, adhesivos e pasatempos), deseñadas dende unha perspectiva lúdica, dinámica e divertida.

Derivado da anterior actividade, comezamos o ano parabenizando ao noso alumnado de 1º da ESO pola súa meritoria participación no concurso do citado proxecto e no que resultaron premiadas con cadanseu terceiro premio as alumnas Carla Pérez Montero e Lara Piñeiro Garabán.